Hoxe preséntase un día movido, será que vén aí a semana santa e xa nos comeza a ferver o sangue. Cada quen débese ás súas devocións así que se andades hoxe por Compostela:
Ás veces, camiñando pola rúa con tempo para deterte nas caras e nos andares, topas con algunhas figuras que te sorprenden e hipnotizan os breves segundos que tardan en esvaecerse por calquera esquina.
Isto sempre me pasou con Margarita Ledo, mesmo antes de saber que era ela. O paso tranquilo e firme dunha muller de certa idade, case sempre vestida de negro, elegante, e con algún sombreiro que lle dá un aspecto enigmático, unha presencia que sempre me pareceu distinta a todas as demais persoas que camiñaban ao redor.Sen dúbida é unha imaxe interesante porque detrás se sospeitan moitos mundos e moita vida percorrida, cunha actitude especial. Despois puiden saber máis cousas dela, ler traballos seus, e a sensación reafirmouse.
Desde moi nova comezou a súa militancia independentista, militou na UPG e estivo exiliada varios anos en Portugal, onde traballou como contacto da organización da outra beira do Miño. Ao caer a dictadura regresou á Galiza e puxo en marcha o semanal A Nosa Terra, máis tarde tivo que marchar a Barcelona (onde xa estivera estudando) porque durante unha época aquí se lle pecharon moitas portas pola súa traxectoria de militancia política. Traballou como profesora na universidade de Barcelona e aquí impulsou a creación da Facultade de Xornalismo e Ciencias da Comunicación.
Se cadra a súa faceta de literata é a menos coñecida, aínda que eu cheguei a ela polos seus libros de narrativa: Porta Blindada, Trasalba ou Violeta e o militar morto e Mamá-fe. Para min son altamente recomendábeis, e agora que na literatura se fala tanto de cambiar a linguaxe dende a mesma estrutura e buscar vías novas que rompan os esquemas que nos lastran na comunicación, resulta moi interesante ver como Margarita Ledo pon en funcionamento xa neses libros toda unha serie de mecanismos de experimentación que crean pezas irrepetíbeis.
Tanto nestas obras como nos filmes que dirixiu (Santa Liberdade e Liste, pronunciado Lister) o posicionamento político e a mirada crítica son unha constante que se engaden á arte de narrar historias, co empeño de mostrar sobre todo aquelas que a Historia (con maiúsculas) se afanou en esquecer.
Estes días é noticia polo seu ingreso na Real Academia Galega, que se consumará co acto de entrada que ten lugar este próximo sábado. Recoñezo que non son moi partidaria desta institución, de como funciona e do que a día de hoxe significa a efectos reais (ben, igual que non o son doutras que tamén funcionan coma o demo). Pero se cadra fai falla que entren mulleres, e mulleres cama esta, para abrir un pouco as fiestras da ilustre casa e, de paso que ventila, deixar que entren cousas novas que a cambien alomenos un pouco. A ver se é verdade.
Para a miña sorpresa :O e deleite, chégame este premio que anda a rolar por aí de man de Estrela Padeira, a quen tanta lei lle teño (e polo que a ilusión de que te premien é aínda maior).
Os requisitos agora son linkar o blogue que cho dá, mostrar a imaxe do premio e elexir tres blogues aos que darlle o premio. Como non quero repetirme moito e hai algúns blogues da miña devoción que xa o teñen vou intentar tamén non repetirme :)
-Ao blogue máis riquiño do mundo mundial: o bló de L&M porque me encanta ler as peripecias d*s protagonistas e estou sempre devecendo por que saquen o post seguinte. Sen dúbida os mundos enormemente diferentes e imaxinativos que ás veces se abren nel son a mostra de que tanto Mati como Laura, a nena que quería ser azul, teñen un enoooorme potencial artístico.
-Ao blogue máis friki da redonda: o do Pastor Eléctrico, porque cada post me descobre cousas novas e super raras, que non sei de onde saca pero que sempre me sorprenden e culturalizan, a min que son unha ignorante total nestes temas eléctricos.
-Á contramirada que máis curiosidade me suscita: Mi feminismo y otras alteridades porque trata temas que aínda hoxe son pouco coñecidos e abre un espazo para a reflexión moi interesante.
Se para algo sirve a memoria histórica é para ter moi presente os erros do pasado e, xa que moitos deles non se poden emendar, seguir o razonábel camiño de evitar que se repitan. O máis ferinte da situación que vive o pobo palestino (hoxe, e dende hai décadas), ademais da insultate desproporción de forzas con respecto ao estado de Israel, é precisamente a lembranza do que se considerou unha das maiores masacres do século XX, ver que o horror se abre paso de novo, co coñecemento e a pasividade da comunidade internacional.
Si, despois de Auschwitz, a poesía podería ter calado de pura vergoña, calquera cousa parece frívola ao lado do número de civís asasinad*s, pero a arte e a poesía tamén sirven para falar do horror e da dor, aínda que sexa o triste consolo de non permanecer calad*s. Este é un fragmento do poema "Camiñantes entre as palabras pasaxeiras", do poeta palestino falecido hai uns meses Mahmud Darwish
"Vós que pasades entre as palabras pasaxeiras vós fornecéde-la espada, nós fornecémo-lo sangue vós fornecéde-lo aceiro e o fogo, nós fornecémo-la carne vós fornecedes outro carro, nós fornecémo-las pedras vós fornecede-la bomba lacrimóxena, nós fornecémo-la choiva Pero o ceo e mailo aire son os mesmos para vós e para nós Daquela collede a vosa parte do noso sangue, e marchade ide xantar, festexar e bailar, logo marchade Para nós coida-las rosas dos mártires e vivir do xeito que queremos"
Non sei se realmente pode servir para algo pero alomenos é outro xeito de non ficar en silencio: -Sábado 10 ás 20:30 hs. Xornada Nacional de Mobilización por Palestina nas principais cidades e vilas galegas convocada pola asociación Galiza por Palestina; en Compostela será na praza do Toural. -E o domingo 18 haberá unha Marcha Nacional en Compostela ás 12hs. con saída na Alameda.
Meme!! aí o vai! a miña contestación para Mario, que nos insta a prepararnos de cara á debacle que tantas veces vimos tan cerca no cinema (made in USA). Resulta difícil pensar en como é iso de morrer, sobre todo porque sempre o comparan con durmir, e tendo en conta todo o que soño cando durmo e o vívido que é non me parece en absoluto o "descanso eterno" prometido. Pero ben, se non doe xa non pido máis, se morrer é a ausencia de todo tampouco vas estar despois para sentilo, así que qué máis dá. Para os momentos inmediatamente antes:
1)Que canción che gustaría escoitar? Pois penso que o xusto sería que fose Do The Evolution de Pearl Jam, e as nosas autoridades deberan poñer unha mega pantalla que pasara tamén o vídeo. "Porque nosotros lo valemos", sobre todo se pasase grazas ó colisionador de hadróns, que xa sería a rehostia que fose verdade todo iso que che mete na cabeza a Igrexa de que o coñecemento é perigoso e que ás veces é mellor ter fé e non saber.
2)A que libro lle botarías un ollo? Bufff! de verdade que non ía estar eu para libros nen nada cultural. Pero se se trata de escoller un e como iso sempre é difícil, o primeiro que se me vén agora á cabeza pensando no Momento: calquera de William Blake.
3) Con quen che gustaría falar? Coas persoas que quero e comparto a miña vida (super orixinal, seino) para dicirlles que foi bonito telas aí mentre durou e porque, a pesar de todo, seguro que atopan algunha razón científica que me explique o Momentofinal e algunha motivación transcendente para axudarme a pasalo.
4) Que che gustaría comer? Esta parece feita pola miña nai, que me perseguiría até o fin do mundo intentando que engordase para verme cunhas abondosas meixelas e unha pernas coma as das mulleres de verdade. Encólleseme os estómago cando estou nerviosa, así que sería un castigo engadido ter que pensar en comida. Pero ben, se se pide agora, por adiantado, por se nos dá un ataque de gula: trufas de chocolate ou xeado de avelá :p
5) Que farías e que che queda pendente por facer? Daríame rabia ter deixado de facer as cousas que non fixen ou non fago por medo, como puenting ou paracaidismo, "merda! tanta precaución para que despois pase isto!!" pero presenciar a fin do mundo podería pasar como "caída ao baleiro", coa mesma sensación de vertixe. Quedaríanme infinitas cousas por facer... Son moi dada a facer listas para case todo, se son interminabeis cando se trata de "cousas pendentes para a fin de semana", qué non vos direi pensando na fin do mundo... non vos vou facer pasar por iso ;D
"O feminismo é un movemento político socialista anti-familiar, que anima a que as mulleres deixen os seus homes, aborten os seus nenos, practiquen a bruxería, destrúan o capitalismo e se volvan lesbianas"